Historia

O 23 de abril de 1846 sucedeu na Parroquia de Cacheiras un dos feitos que máis marcaron a historia contemporánea de Galicia, «A Batalla de Cacheiras». O día 2 de abril de 1.846 o 2º Batallón do Rexemento de Zamora mandado polo Comandante Solís, con sede na Coruña, levantouse na cidade de Lugo contra o Goberno ditatorial instaurado en Madrid polo xeneral conservador Narváez. Esta rebelión pronto recibiu o apoio do pobo lucense, como tamén o tería nos días sucesivos en Santiago, Pontevedra, Vigo, Tui…

O éxito da sublevación debeuse en boa medida ao apoio que lle prestou o movemento provincialista, creado e fomentado por un grupo de intelectuais (profesores e estudantes universitarios) que, sendo conscientes da marxinación en que vivía Galicia, dedicaron todos os seus esforzos a propor medidas políticas e económicas que lle axudasen a superar o seu secular fracaso.

A comuñón de intereses entre os militantes liberais e os intelectuais galeguistas deu como resultado a creación, o 15 de abril, da Xunta Superior do Goberno de Galicia. Os seus principais cargos directivos eran dous provincialistas significados: Pío Rodríguez Terazo (presidente) e Antolín Faraldo (secretario). Para defender os intereses do Goberno de Galicia, a Xunta nomeou a dous mariscais de campo: Solís (comandante) e Rubín de Celis (brigadero). Cada un deles tiña o mando dunha división do exército. Estes acontecementos vividos en Galicia provocaron a caída de Narváez. Unha das medidas do novo goberno foi elixir ao mariscal de campo Juan De la Concha para dirixir un exército que sufocase o levantamento galego.

O encontro entre as tropas de De la Concha e de Solís tivo como escenario imprevisto a parroquia de Cacheiras, concretamente o espazo situado entre as casas da Ribeira e o cumio de Montouto, xusto onde está a Pena Escorredía. As tropas de Solís chegaron ao amencer do día 23 a este punto. Desde Cacheiras puideron observar os movementos do inimigo e decidíronse a esperalo.

Segundo Do Portoi, nunha «pequena cordilleira que se estende sur-sueste de Santiago, da que ocuparon parte das súas tropas o cumio máis elevado, coroando algunhas rocas. Colocou nas súas inmediacións a pouca cabalaría que tiña, e foi estendendo a súa columna, que apoiaba á dereita do mencionado cumio, en dirección a Santiago, formando á esquerda a retagarda, que, composta de 24 nacionais, 53 licenciados e dúas compañías escasas de milicias, ocupaba o extremo da cordilleira que se unía ao terreo inmediato por unha pendente suave, a máis accesible á cabalaría que o resto da montaña, toda ela en verdade nada escarpada. Na parte inferior do aba da montaña e a 200 pasos da fronte da columna había varias casas xuntas, que ocuparon os garda civís para defender o punto máis practicable que o inimigo tiña para atacar«.

Pola súa banda, De la Concha, que viña de Ourense, entrou na noite do 22 no Concello de Teo e pasou a noite na casa reitoral de Bamonde. Ás 5.00 h do día seguinte, saíu aceleradamente cara a Pontevea , pero ao observar os movementos dos insurrectos sobre Montouto volveu atrás para enfrontarse a eles.

Segundo Do Porto, cando chegou ao lugar da Ribeira ao berro de «Viva a Raíña! morran os traidores!» foi avanzando a á esquerda de Da Concha, ao de «Viva a raíña libre! abaixo o ditador!«, contestáronlle os garda civís apostados nas casas cun «vivísimo fogo«.

As circunstancias fixeron que Solís tivese que retirar aos seus soldados cara á cidade de Santiago.

A derrota consumouse no Mosteiro de San Martiño Pinario, no que finalmente se renderon. A última praza en caer foi Lugo, o día 27 dese mesmo mes. O día 26 de abril en Carral, concretamente no atrio da Igrexa de San Esteban de Paleo, foron fusilados Solís e once dos seus oficiais.

Naceron así os «Mártires de Carral» e, para todos os efectos, este alzamento contra a opresión central considérase o espertar do galeguismo e a reafirmación dunha identidade perfectamente diferenciada do resto da península. A partir de aquí, comezou a manifestarse un pensamento, unha cultura e un sentimento eminentemente galeguista, do cal os máximos representantes non tardaron moito en tomar relevancia.

Como símbolo desta batalla de Cacheiras, aparecen no escudo de Teo dous sabres cruzados sobre a ponte, na súa parte media.

 

Descarga o libro na seguinte ligazón: A Batalla de Cacheiras